Ángeles Jar: Contra o Decreto da reordenación admininstrativa na provincia de Pontevedra

A cidadanía de Pontevedra asiste incrédula a un feroz ataque, sen precedentes, por parte do recente equipo de goberno autonómico. Case sen tempo para tomar posesión do cargo apuran un novo “decreto de reordenación administrativa” sen nengunha explicación lóxica, sen unha análise seria das consecuencias e, o máis grave, sen consenso político-cidadá.

1.- Por unha banda anuncian unha política de austeridade e contención de gastos e a resposta inmediata é duplicar a figura dun “superdelegado” na nosa provincia. ¿Cal é a necesidade deste cargo?. Lembremos que Vigo está a escasos 30 Km da capital, con vías de comunicación rápidas e áxiles que fan suficientes uns 15 minutos para trasladarnos dunha cidade a outra, mentres que outras moitas localidades -desta e do resto das provincias galegas- ademáis de atoparse moito máis afastadas da capital teñen dificultades de comunicación e de transporte o que implica para os seus residentes unha enorme perda de tempo á hora de efectuar calquera xestión.

¿Preocúpalle isto o goberno autonómico?. ¿Non debería ser unha prioridade dotar a estes cidadáns das infraestructuras e medios de transporte axeitados para unha comunicación rápida coa capital da provincia?. Deixémonos de “interesadas superdelegacións” e poñámonos a traballar para atende-las “necesidades reais” de tódolos gales@s.

2.- Por outra parte entendemos que todo decreto debe ir respaldado por un estudio serio e pormenorizado da situación, con firmes criterios que avalen a súa necesidade e, neste caso, descoñecemos cales son eses “poderosos criterios” para considerar a provincia de Pontevedra distinta do resto das provincias galegas e “única merecedora” deste absurdo reparto administrativo.

3.- Máis grave é a situación se temos en conta que o potencial económico da nosa cidade reside precisamente na actividade administrativa, o que debería preocupar ó goberno autonómico e máis nos tempos da “crise” á que con tanta frecuencia apelan. E isto parece que se lles escapou á hora de establece-los criterios dos que falabamos ou, do contrario, teremos que pensar que a economía duns cidadáns lles preocupa máis ca dos outros.

4.- Pero se unha vez feita a análise todo parece un despropósito, o inadmisible da situación é que un goberno autonómico sexa quen de crear un clima que incite á crispación e ó enfrontamento entre os cidadáns da provincia a través dun “provocador decreto”.

Non o van acadar, non teñan medo, porque os cidadáns somos bastante máis serios e sensatos que quen nos representa. Como non estamos cegados polo poder non imos cair na trampa de considerar enimigos ós nosos veciños. Pero non por iso imos deixar de loitar polos nosos dereitos. Loitaremos coas armas da legalidade e da honradez porque estamos seguros que sempre vencen ás do caciquismo e ás do engano polas que se decantou este grupo de goberno autonómico.

Non o dubiden, Pontevedra non se vai render ós seus desexos. Terán que facer gala de moita máis intelixencia para acada-los seus obxectivos. Estaremos alerta a calquera golpe baixo que nos continúen a lanzar. ¡PONTEVEDRA NON SE DIVIDE!. ¡A CAPITAL NON SE VAI DE AQUÍ!

Ángeles Jar, membro da directiva da Asociación de Veciños Salcedo Norte