Verísimo Pazos Besada: Carta aberta a todos os pontevedreses/as
Como cidadán, veciño e líder do movemento veciñal de Pontevedra e Galicia, considero que a actividade que están a desenvolver o Alcalde e a Tenente de Alcalde é en defensa dos intereses de Pontevedra e de todos os cidadáns que representan, así como apoiar a manifestación do 19-J e participar na mesma, formando parte da Comisión Organizadora, ben sexa esta convocada polos colectivos veciñais, como polo Concello encabezada polo Alcalde como primeiro Cidadán e representante de todos os pontevedreses, sen distinción política, relixiosa, económica ou social.
Tanto eu coma moitos compañeiros do movemento veciñal e de todo tipo de asociacións do Concello e bisbarra de Pontevedra, entendemos que se o Concello co seu Alcalde e Tenente de Alcalde a fronte convoca os cidadáns a unha manifestación en defensa dos intereses xerais dos veciños e veciñas de Pontevedra, non se pode considerar unha loita de partidos, senón unicamente unha loita na defensa dos intereses de Pontevedra e as súas xentes. Por entender que é obriga dos Alcaldes e Concelleiros unha vez recibida a correspondente acta que os acredita, deixan de seren representantes do partido no que participaron nas eleccións, a seren representantes legais de todos os veciños e veciñas do territorio polo que foron elixidos, tanto dos que os votaron como dos que votaron a outros candidatos, son unicamente representantes legais e democráticos do pobo en xeral.
O que agora está a facer o Alcalde e a Tenente de Alcalde, convocar os veciños para solicitar o seu apoio para defendérense da afrenta que o Goberno Autonómico está a realizar a Pontevedra e aos pontevedreses, non ten parangón na historia de España, e os pontevedreses non podemos consentir que queiran mexar por nós e encima dicir que “está chovendo”. E isto é o que pretenden os inimigos de Pontevedra, aínda que agora non lles poñemos nomes, sen dúbida máis adiante teremos que poñerlles nomes e apelidos. Xa que a cotío están tentando empezoñar as nosas xentes para eles acadaren os seus obxectivos contra da cidade de Pontevedra e todo o que isto representa, non por que o entendan senón pola defensa dun anaco de poder.
Eu e moitos amigos e compañeiros entendemos que o que se tenta facer desde a presidencia da Xunta de Galicia é unha verdadeira chapuza, pois se queren facer unha nova división territorial Administrativa de Galicia que a fagan, que boa falla lle fai, pero alí onde teñen que facela, pois deste xeito ao mellor ata hai consenso das diferentes forzas políticas, e se o tema é achegar a administración ao administrado isto vense abaixo polo seu propio peso, xa que concellos moi preto a Vigo teñen que vir a Pontevedra e concellos raianos con Pontevedra teñen que iren a Vigo.
O novo xogo do Presidente da Xunta e Goberno Galego está fóra de normas, e por iso hai que loitar para que non desvaríen, xa que aínda nos chaman localistas, cando a loita polos intereses locais estana marcando eles como ata de agora, xa que a nós só nos queda a loita pacífica na rúa porque da outra non entendemos nin queremos facerlle o xogo a unha serie de políticos desnortados e altamente ambiciosos de poder.
Desde o meu punto de vista, considero que os pontevedreses e pontevedresas debemos formar unha piña co noso Alcalde e representantes institucionais na defensa dos intereses e dignidade dun pobo, unha bisbarra e unha provincia e duns dereitos institucionais, e pelexarmos todos fronte a este agravio de darlle o mesmo rango institucional a unha MANCOMUNIDADE DE 14 CONCELLOS QUE A UNHA PROVINCIA CON 63 MUNICIPIOS. Incrible pero certo!
Por todo isto o día 19 de xuño debemos de saír á rúa todos os pontevedreses e pontevedresas da cidade, bisbarra e provincia para defender a dignidade dunha cidade, unha bisbarra e unha provincia.
Verísimo Pazos Besada, Presidente da Federación de AA.VV. “Castelao”